Mons. Alfonso Carrasco: «Lembremos a todos, e a nós mesmos, o ben inmenso do rezar»

Lo último del obispo


 

A Programación Pastoral deste curso 2023-2024 leva por lema "A fe é práctica". O noso Bispo, Mons. Alfonso Carrasco, desenvolve en varios puntos as liñas de acción pastoral e nelas invita a acoller de maneira diocesana o don da indulxencia que se ofrece aos fieis no santuario de O Corpiño neste Ano santo:

Tamén este curso unha iniciativa particular da Santa Sé caracterizará de novo a nosa vida pastoral como Igrexa en Lugo. Pois recibimos, de modo en boa medida inesperado, a concesión dun “Ano santo mariano” para o noso santuario da Santísima Virxe de O Corpiño.

É un don profundamente gratuíto, no que, a través de circunstancias concretas, non podemos deixar de ver unha indicación da Providencia divina por medio da Santísima Virxe María, vinculada a unha das formas tradicionais da súa presenza e da súa veneración na nosa Diocese.

Esta graza especial paréceme indicar dúas cousas: A presenza próxima do Señor e da súa Nai, que acompaña como unha luz o noso camiñar cotián, que o enche de sentido, de valor e de esperanza. E a invitación, por conseguinte, a ir ao seu encontro de corazón, a rezar, cunha intención precisa, especificada no decreto de concesión da indulxencia: pola fidelidade dos cristiáns á nosa fe, polas vocacións sacerdotais e á vida consagrada, polo ben das familias.

Unha “liña de acción” pastoral na que insistir de modo peculiar este ano será, pois, a de ir ao encontro da Santísima Virxe e do seu Fillo, o noso Señor, e, por tanto, a de rezar.

Lembremos a todos, e a nós mesmos, o ben inmenso do rezar, que saca as nosas vidas da soidade e da falta de sentido, da insignificancia última que o mundo non pode superar a pesar de todas as súas pretensións de autosuficiencia; pois, de que lle vale ao home gañar o mundo enteiro, se se perde a si mesmo, a súa alma e a súa vida? (cf. Lc 9,25).

Ao rezar gañamos alma, vida, o propio ser, que en presenza de Deus alcanza certeza, sentido, esperanza segura; que atopa misericordia e consolo, e unha fonte inesgotable de amor nel. E así gañamos tamén o mundo, a realidade como amable, como lugar da vida no que é posible o ben e a verdade, seguir cada un a súa vocación e cumprir a súa misión.

Afirmemos a presenza de Deus connosco, do Fillo feito home, que se nos entrega co seu Corpo e Sangue, na súa Palabra e nas seus sacramentos, que nos dá o seu Espírito e únenos na gran familia do seu Pobo, do súa Igrexa. O Señor non nos dixo “buscádeme no baleiro” (cf. Is 45,19), senón que veu ao noso encontro. Todas as nosas parroquias, toda nosa Igrexa é signo e instrumento desta boa nova. Por iso, sen dúbida, vivir a nosa fe significa en primeiro lugar recoñecer aquí e agora o modo en que o Señor nos ofrece a súa comuñón e, por tanto, responderlle cada un, coa propia palabra e o propio corazón, rezar persoalmente, como forma primeira do participar na vida da Igrexa.

Aínda que pareza elemental, é unha proposta pastoral decisiva, a expresión primeira da relación viva con Deus, recoñecido na fe. Dalgunha maneira, esta concesión papal convídanos a recoñecer o determinante deste xesto persoal e primeiro do crente. Quizá a urxencia do noso tempo sexa precisamente esta práctica primeira da fe, a máis sinxela e a máis propia de todos: rezar.

Non podemos transmitir a fe sen facer presente e facilitar a experiencia da oración. Para iso son imprescindibles as familias, chamadas polo Señor para ensinar aos seus fillos a rezar, cumprindo así unha misión decisiva para a súa educación e o seu futuro. E é necesaria a parroquia, na que se eduque á oración na catequese e noutros momentos adecuados, na que se fai posible e proponse participar na oración comunitaria, na celebración da Eucaristía e dos sacramentos, a fin de medrar na verdadeira relación con Deus, tal como El nola ensinou. O testemuño mutuo, o exemplo de cada un e o de todos, é igualmente un modo principal de ser introducidos realmente a conversar con Deus, á oración cristiá.

Demos, pois, prioridade pastoral este curso, cos xestos e as iniciativas oportunas, á necesidade de ensinar a rezar, de introducir e coidar a práctica da oración, de rezar xuntos, os uns polos outros, e polas necesidades do mundo.

Mons. Alfonso Carrasco

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March