Início / Menu Diócesis / Noticias

O Corpiño celebra a súa romaría na honra da Virxe María


O Santuario da Benaventurada Virxe María do Corpiño (Lalín) celebrou no día de onte, 23 de xuño, a primeira xornada da súa romaría. Coma tódolos anos, foron moitas as persoas que participaron nos distintos actos.  A Misa Maior tivo lugar ás 12.00 horas e estivo presidida polo Bispo auxiliar de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández.

Na súa homilía, o prelado lembrou que "celebramos a fe no agarimo e na compañía de María, a Nosa Nai. Nela, un descobre que a Deus lle gusta o camiño cotiá da xente sinxela, de corazón transparente, humilde". O bispo continuou invitando a facer sempre presente ao Señor porque "cando El está nas nosas vidas, hai ledicia que se convirte en esperanza, en vida que nos sostén." Ademais, don Francisco animou a vivir agradecidos: "Cantas veces nos esquecemos de dar grazas a Deus por tantas cousas boas que temos: veciños, familia, amigos!" "María ensínanos a dar grazas a Deus" -recalcou monseñor Prieto- "e temos que aprender a dar grazas para saber logo pedir". O prelado compostelán rematou invitando a que "antes de pedir por cada un de nós, preguemos polos outros, sen buscar protagonismos estériles, cun corazón ardente, acolledor que só busca amar."

Monseñor Francisco Prieto durante a homilía

Durante toda a xornada celebráronse varias misas e varios sacerdotes estiveron dispoñibles para o sacramento da confesión. Ademais, tódalas flores aportadas polos fieis colocáronse na imaxe da Virxe do Corpiño elaborada en madeira e de máis de 2 metros de altura situada no atrio do templo. A choiva obrigou a suspender a procesión pero os devotos puideron cumprir co tradicional paso por debaixo da imaxe de Nosa Señora do Corpiño, coroada, xunto co Xesús Neno que porta na man,  por concesión do Papa Francisco no ano 2018.

Na xornada de hoxe, venres 24, haberá misas a partir das 8 da mañá e a solemne, na que cantará o coro Nosa Señora do Corpiño, será ás 12.00.