O MUNDO NON NECESITA MÁIS COMIDA, NECESITA MÁIS XENTE COMPROMETIDA 2017 (GAL)


Ante a LVIII campaña de Mans Unidas

Queridos irmáns,
A campaña de Mans Unidas de 2017 convídanos unha vez máis a fixar a mirada na realidade da fame no mundo e, con iso, nas situacións de desigualdade profunda e de miseria que seguen afectando á moitos pobos, xentes e nacións.
O lema que se nos propón en particular este ano pídenos que tomemos conciencia dun dato primordial: “non nos servirá describir os síntomas, se non recoñecemos a raíz humana da crise … Hai un modo de entender a vida e a acción humana que se desviou e que contradí a realidade ata danala” .
En efecto, non podemos non recoñecer as inmensas posibilidades que nos ofrece o desenvolvemento da ciencia e da tecnoloxía, que aumentou de modo impresionante o noso dominio da realidade e concretamente a nosa capacidade de producir os alimentos que necesitamos: o mundo non necesita máis comida.
Pero aínda que “nunca a humanidade tivo tanto poder sobre si  mesma, nada garante que vaia a utilizalo ben, sobre todo se se considera como o está facendo” . Habemos de recoñecer que o ben e a verdade non brotan “espontaneamente do mesmo poder tecnolóxico e económico”, que é imprescindible un “desenvolvemento do ser humano en responsabilidade, valores, conciencia” : o mundo necesita máis xente comprometida.
Pídesenos, pois, un cambio do noso “paradigma cultural”, para desenvolver unha nova forma de vida , non dominada polo que poderiamos denominar o consumismo, como “reflexo subxectivo do paradigma tecnoeconómico”, polo que se chega a crer que “todos son libres mentres teñan unha suposta liberdade para consumir” , mentres cada un poida comprar, posuír e consumir, sen aceptar nin sequera que “a realidade lle marque límites” .
A este cambio e á asunción da nosa responsabilidade ante a vida chámanos a campaña de Mans Unidas; é dicir, ao que cristianamente denominamos con propiedade a nosa conversión, a permitir que a nosa fe determine a forma de vivir, ilumine a nosa conciencia e sosteña o esforzo moral de cada día.
Convídannos así, en primeiro lugar, a rexeitar a tentación de refuxiarnos na escusa da nosa pequenez ou fraxilidade, xa que nunca está anulada ” por completo a apertura ao ben, á verdade e á beleza, nin a capacidade de reacción que Deus segue alentando desde o profundo dos corazóns  humanos” , posto que todos conservamos unha dignidade persoal inalienable.
E lémbrannos sobre todo a nosa fe cristiá, a mesma que fixo xurdir e sostén esta gran obra que é Mans Unidas. Grazas á fe no Evanxeo conservamos con claridade a “conciencia dunha orixe común, dunha pertenza mutua e dun futuro compartido por todos” . E sabemos que a indiferenza polo destino do outro, do próximo e do pobre non é posible, que a violencia, a mentira ou a inxustiza son inaceptables; que do pecado vén a morte e do Espírito do Señor, que é amor, vén a vida . Non podemos aceptar, por tanto, formas de pensamento, unha cultura construída sobre o individualismo radical e o egoísmo, a valoración exclusiva do poder e das riquezas como criterio da nosa vida no mundo.
Para que este compromiso de vida sexa posible, necesitamos reavivar a fe no corazón, a intelixencia das súas implicacións no noso actuar. Non conseguiremos facelo sós, senón vivindo como membros do Pobo de Deus, sostidos pola Palabra e a graza do Señor, apoiados no maxisterio co que a Igrexa nós ilumina – hoxe do Papa Francisco –, acompañados na tarefa polos irmáns.
Agradecemos, pois, a Mans Unidas a súa presenza perseverante e a súa campaña, como unha axuda boa para a nosa conversión, sempre necesaria, para que vivamos mellor a nosa dignidade de cristiáns, dando con palabras e obras un testemuño que é imprescindible no noso tempo.
Pidamos ao Señor que todos sexamos xente comprometida no amor a Deus e ao próximo, atentos ás condicións e esixencias da nosa sociedade, ás necesidades dos nosos irmáns.
E pidamos tamén que Mans Unidas poida seguir cumprindo a súa misión na Igrexa e no mundo, coas achegas de moitas persoas comprometidas.
 

Nacimiento
12 de octubre de 1956
Villalba (Lugo)

Ordenación sacerdotal
1985

Ordenación episcopal
9 de febrero de 2008

Nombramientos
Obispo de Lugo

Presidente de la Comisión Episcopal para la Educación y Cultura

Miembro de la Comisión Permanente de la Conferencia Episcopal Española

Contactos

Dirección
Diócesis de Lugo – Obispado de Lugo
Praza Santa Maria, 1
27001 Lugo

Teléfono 
(+34) 982 231 143

Email
Envía correo