Desde o ano 1669, na Catedral de Lugo, o domingo seguinte á solemnidade de Corpus, ten lugar a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
Esta Ofrenda é o único acto institucional que, na actualidade, segue falando da nosa entidade como reino.
Ese domingo todo o pobo de Galicia, por medio dos rexedores das provincias do reino, presenta esta gran ofrenda a Xesús Sacramentado, mantendo viva dese xeito a memoria da nosa identidade e da nosa cultura. Achegarse neste día á Catedral de Lugo, non é soamente unha profesión de fe cristiá, tamén é un símbolo da historia do noso pobo e da esperanza dun futuro común.
Lugo Cidade do Sacramento
Somos a Cidade do Sacramento, polo privilexio extraordinario da Exposición perenne do Santísimo no Altar Maior da nosa Catedral. E como consecuencia desta gran tradición, importante non só para Lugo senón tamén para o resto de Galicia, xurdirá a Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.
As 7 Cidades do Reino de Galicia
As 7 cruces que aparecen no escudo galego xunto ao cáliz e a sacra forma representan as 7 cidades do reino:
- A Coruña
- Santiago de Compostela
- Ourense
- Mondoñedo
- Betanzos
- Tui
- Lugo
Aínda hoxe, o escudo da nosa comunidade autónoma, no que se expresa a identidade do pobo galego, contén unha alusión directa á tradición eucarística da Catedral de Lugo.