Início / Menu Diócesis / Noticias

Percorrido pola arquitectura funeraria da Catedral


Artisplendore, a Catedral de Lugo e a Delegación de Patrimonio Histórico-Artístico e Museo Diocesano Catedralicio de Lugo organizan para o luns 31 de outubro, ás 5 da tarde, a actividade “O patrimonio funerario na Catedral de Lugo máis aló do sepulcro de Santa Froila”. O obxectivo desta é valorar o conxunto de obras de tipo funerario que se distribúen polo templo: a tumba do Cabaleiro Vasco Pérez de Viveiro, no transepto; as tumbas dos García de Gayoso, na Capela do Pilar, ou a de Pedro da Cal e Catalina da Pena na do Ecce Homo. A gótica xirola da basílica tamén será centro de atención polas tumbas sitas na capela de San Xoán ou na capela de Santiago, poñendo énfase na capela da Nosa Señora dos Ollos Grandes, a cal non ten ningunha sepultura no seu interior como parte do voto que os cóengos debían realizar ao entrar no cabildo.

A Capela Maior da Catedral tamén foi secularmente lugar de enterramento destacado, sendo o lugar de eterno descanso de prelados do século XVIII como Francisco Yzquierdo Tavira, Manuel Santa María Salazar ou Lucas Bustos de la Torre. Tamén o Bo Xesús é lugar de enterramentos de bispos, sendo un caso destacado o do prelado do século XIX Santiago Rodríguez Gil.

Na actividade, que rematará na zona visitable do claustro na que se lembrará aos ilustres cóengos que descansan no cemiterio capitular, lembrarase a función inicial da catedral como lugar de enterramento ao longo das súas naves, transepto ou xirola, estipulando os prezos de cada zona e localizando as tumbas de personaxes importantes para a historia de Lugo como Juan Pallares Gayoso (autor do Argos Divina) ou Tomás Ramírez de Arellano (patrocinador da fachada do Bo Xesús).

Ten un custo de 2 euros e as inscricións poden facer por teléfono no 683 166 703 ou no email catedraldelugo@artisplendore.com.