Ante a LVII campaña de Mans Unidas
Queridos irmáns,
un ano máis, a campaña de Mans Unidas interpélanos, lembrándonos que todos somos irmáns, que non podemos mirar con indiferenza como poboacións enteiras viven en pobreza tal que a fame, símbolo da inxustiza, segue poñendo en cuestión a súa mesma existencia e o futuro dos seus fillos.
Esta iniciativa de Mans Unidas lémbranos que nós dispoñemos de moitos recursos, entre os que debe contarse como o primeiro unha conciencia clara, iluminada pola luz do Evanxeo e unha longa experiencia cristiá.
Non podemos confiar a solución destes inmensos problemas sen máis a Estados e Organizacións internacionais; porque, en si, son só instrumentos, necesarios sen dúbida, nos que se expresan os pobos. Pero as orientacións fundamentais que os guían deben ser afirmadas constantemente, unha e outra vez, pola poboación que os sostén.
Non pode darse por descontado -polo simple feito de posuír unha estrutura democrática, por exemplo- a opción pola liberdade, a xustiza e a solidariedade, pola paz. Ao contrario, como mostra a experiencia cotiá de cada un, é necesario o esforzo de defender sempre de novo esta opción moral, de rexeitar con conciencia lúcida outras lóxicas que se ofrecen constantemente como máis prácticas e que xustifican só egoísmos e esquecementos do próximo.
Por iso é tan significativa para a sociedade e o Estado a presenza da Igrexa, a conciencia viva do pobo cristián, e instrumentos concretos como o de Mans Unidas. A nosa fe en Deus, Pai de todos, e en Xesucristo, que ilumina mentes e corazóns coa verdade sobre o home e o amor ao próximo, é un recurso esencial, que se é coidado, contribúe a que estea presente con eficacia na vida o desexo de combater a fame e a inxustiza, podendo determinar incluso as grandes opcións económicas e políticas.
Habemos de sementar, para evitar a globalización da indiferenza, que significaría aceptar a indignidade na nosa propia vida e a inxustiza na sociedade.
A nosa participación na campaña de Mans Unidas, colaborando en proxectos concretos e necesarios, é unha forma de afirmar a nosa responsabilidade persoal e social, de crecer na conciencia do protagonismo que nos corresponde a cada un. Como nos lembra o lema deste ano, é tempo de plantar cara, de sementar; non permitamos que se difumine o noso rostro e o noso corazón.
Non temamos que diminúan por iso os nosos recursos para atender aos que nos son máis próximos; ao revés, aumentará así a nosa sensibilidade e intelixencia, a nosa capacidade de responder con solidariedade ás pobrezas que provoca de moitas maneiras a crise que vivimos.
Que a nosa achega, de tempo, de traballo e de diñeiro, sirva para renovar a nosa fe, para permitir que determine mellor a nosa comprensión das cousas, os nosos criterios de acción, o noso compromiso social.
Que responder á chamada de Mans Unidas, saíndo ao encontro de quen nos necesita, nos faga crecer en sentido do Evanxeo, en aprecio pola pertenza ao Pobo de Deus e en amor activo e intelixente ao próximo.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo