Início / Menu Diócesis / Noticias

Presentación en Lugo da nova edición da Biblia en galego


O Seminario Diocesano de Lugo acolle o vindeiro martes, 17 de xaneiro, ás 18.00 horas, a presentación da cuarta edición da Biblia en galego. No acto, que terá lugar no Salón de Actos, intervirán o secretario Xeral de política lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García; o presidente de SEPT, Francisco Domínguez Martínez; o sacerdote Xosé Antonio Salgado Agromartín, biblista e tradutor; o responsable da edición, Silvestre Gómez Xurxo e o Bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco.

A Biblia en galego apareceu no ano 1989 editada pola Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos, máis coñecida como Editorial SEPT. Nela participou un grupo de varios tradutores e teólogos como Fernández Lago, Ferro Ruibal, Rodríguez Carballo ou o propio Salgado Agromartín. A saída desta primeira edición coincidiu coa visita do Papa San Xoán Paulo II a Santiago de Compostela, onde foi agasallado cun exemplar da primeira edición especialmente encadernado en pel branca. Máis adiante fixéronse outras dúas edicións, téndose editado un total de 15.000 exemplares. O 12 de xullo de 2022 fíxose a presentación en Compostela da cuarta edición revisada lingüísticamente.