Início / Menu Diócesis / Noticias

Resucitados


Foi algo inimaxinable. Sen precedentes. Algo único. Transformou a historia. Cambiou o destino da humanidade.

El era mestre. Líder. Era carpinteiro. Pero fixo o que ningún carpinteiro, mestre ou líder fixo. Viviu e morreu. Pero houbo unha diferenza. El levantouse de entre os mortos. Volveu vivir. Vive. E porque El vive vostede e eu, el, ela e eles, nós, todos, volveremos vivir.

Grazas a El a morte non ten o aguillón último. O sepulcro non ten a súa vitoria. Por El podemos empezar de novo. Grazas a El a dor convértese en alivio. A desilusión en esperanza. Grazas a El, temos un comezo novo. Non tememos o final. A temporalidade foi vencida.

Xesucristo, El é a Resurrección e a Vida. Cristo é a luz que non se apaga. A vida que non morre. A dita que non remata. Alegrámonos con Cristo e contaxiámonos da súa Resurrección. Desvélasenos unha noticia chea de esperanza: a morte non conclúe na nada, no baleiro total e no silencio definitivo. Na humanidade sementouse a semente da vida. A morte é un paso cara á Vida. Pasou, pois, o vello. Chegou a alegría sen fin. Cristo é a novidade, a nova criatura. O principio dun mundo novo. É El quen nos ofrece a súa luz e a súa vida, a súa forza e o seu amor.

Abrazados a El, envolvida no seu vivir, a humanidade celebra cada domingo, na eucaristía, Pascua semanal, o triunfo da Vida. A resurrección non é un feito do pasado. É un acontecemento continuamente presente na historia de cada home e de cada tempo: a eternidade mesturouse co tempo e o tempo adquiriu dimensións de eternidade.

Grazas a Xesucristo podemos xa agora ser xente positiva e feliz. Que vive para sementar o mundo de ánimo e valor. De limpeza e fermosura. De esperanza. E como esperanzados, encher o mundo da confianza que disipa as tebras do abandono e da morte. Vivir resucitados é vivir xubilosos, confiados.  É vivir o triunfo sobre a mentira e a morte

Roto o encerro da noite vital, somos testemuñas da presenza resucitada, e certa, de Cristo na eucaristía, memoria viva de resurrección. Gustar o Pan e o Viño eucarísticos é gozarse de ser fogar que recibe o Pan de Vida, e a Bebida de eternidade. Na mesa eucarística comamos o Pan de Cristo para que Cristo viva en nós. E cheguemos a ser Pan de Vida para a vida do mundo.

Feliz Pascua de Resurrección!