Día do enfermo 2015
Queridos irmáns,
acabamos de oír nestas lecturas como Pedro e Xoán actuaban e falaban cunha sabedoría nova e sorprendente, que lles viña do Señor Xesús, cuxas palabras nos foron proclamadas tamén a nos de novo no Evanxeo.
O seu corazón de discípulos, como o noso, cambiara escoitando a verdade que nos di Xesús: Como o Pai me amou, así vos amei eu. Ninguén ten amor máis grande que o que dá a vida polos seus amigos, e a vós elixinvos eu como amigos.
Os apóstolos e todos nós sabemos xa que somos amados polo Señor, que El se entregou por nós, como celebramos na Eucaristía. El quixo abrirnos a fonte da vida, cumprindo así o desexo que brotaba do seu corazón e que correspondía ao querer do Pai: poder vencer nos seus amigos, en quen confíe nel, o mal e o pecado, que destrúen alma e corpo, facer que puidesen deixar atrás a morte e abrirlles o camiño á resurrección, na que se manifesta o poder inmenso do Deus que é amor, que pode dar vida aos mortos.
Esta confianza plena no Pai, esta esperanza na alma, que nacen da alegría de ser amados polo Señor Xesús ata o extremo, antes e máis alá dos nosos pecados e incapacidades, enche de paz o corazón e dálle unha sensibilidade e unha intelixencia nova.
Esta sabedoría verdadeira do corazón, sempre moi importante, revélase imprescindible especialmente nas dificultades e ante os desafíos da vida. Agora ben, non é un gran desafío e unha situación de gran necesidade a de quen está enfermo, seriamente enfermo, a de quen non dispón xa de si mesmo, do seu corpo e ás veces tampouco da súa mente, e experimenta o sufrimento? E non vive tamén tempos difíciles quen ten enfermo a quen ama, a un familiar ou a un amigo, e querería estar ao seu lado, atendelo, velo sanar?
Por iso, ante a enfermidade necesitamos a sabedoría do corazón, coa que coidar a saúde de corpo e alma. Mirar á persoa enferma coa esperanza e a caridade que Cristo enraíza nas entrañas de quen cree en El, permite estar ao seu lado de verdade e mostrarlle o propio amor no esforzo cotián, no coidado paciente, no cariño constante, ás veces con moito sacrificio. Non dicimos nas vodas: querereite na saúde e na enfermidade? Non é proba moi grande de amor permanecer ao lado e non fuxir de quen está enfermo? A través do testemuño deste amor fraterno, que coida as feridas e consola na tristura, resoa a sabedoría máis profunda: o amor non pasa nunca, porque, en realidade, Deus é Amor.
A sabedoría que a fe en Xesús fai xermolar no corazón leva a mirar ao próximo como verdadeiro fillo de Deus, a achegarnos ao seu sufrimento co respecto de quen sabe que mesmo na morte é e será fillo, amado polo Pai, destinado á vida. E nada cambia se se é pobre ou rico, emigrante ou moi ancián; ao contrario, máis evidente se fai entón a afirmación da súa dignidade de fillo de Deus e de irmán.
Este testemuño de caridade, feito moitas veces en circunstancias difíciles e con sacrificio, é tan significativo que Xesús asegura que será recordado no día mesmo do Xuízo como digno de premio e de loanza. El soubo o que era sufrir as dores maiores, e saberá sempre tamén o que significa o consolo e o cariño.
Así, con esta sabedoría do corazón, propia de quen cre con verdade e sinxeleza en Cristo Xesús, a persoa enferma recordará tamén a verdade máis decisiva: Deus é Amor e é Vida, é máis grande que a morte. O sufrimento, as bágoas e a enfermidade rematan, pasarán; porque quen nos ama é máis grande. A vida do Señor é incomparablemente máis poderosa que a morte e o seu Amor máis fondo que toda dor ou que calquera posta en cuestión da nosa persoa. Todo canto nega o valor do noso ser, o desfacerse do noso corpo ou a indiferenza dos homes, carece de poder ou de significado algún ante o Deus da Vida, que nos asegura o seu Amor definitivamente coa entrega do seu propio Fillo por nós.
Este Misterio, esta Victoria celebramos hoxe de novo na nosa Eucaristía dominical.
Que Aquel cuxo Corpo e Sangue recibimos no noso corazón, asegure a nosa fe en todas as dificultades e especialmente mentres sufrimos a enfermidade, e nos faga crecer a todos nun amor cheo de sabedoría e sensibilidade verdadeira, para saber estar sempre ao lado de quen sofre.
Que interceda polos nosos irmáns enfermos e por todos nós a Santa Virxe María, saúde dos enfermos, que soubo estar ao pé da cruz, acompañando a paixón do seu Fillo ata o seu último alento co seu amor inmenso de nai, cunha oración ao Pai feita con toda a dor e toda a confianza do seu corazón.
+ Alfonso Carrasco Rouco, Obispo de Lugo