Solemnidade da Ofrenda

Lo último del obispo


A Igrexa en Lugo «garda no seu corazón, como o tesouro máis precioso, a fe firme na presenza real de Xesús Sacramentado e a adoración perenne do seu amor» . Segundo os mais antigos testemuños, dende o século VI afirmouse aquí e para toda a Igrexa en Galicia o vínculo decisivo entre a Eucaristía e a verdadeira fe en Xesucristo. Esta nosa fe fíxose así moi conscientemente «eucarística» e expresouse nunha tradición inmemorial de adoración eucarística nesta Catedral de Lugo e no noso lema: Hic hoc mysterium fidei firmiter profitemur. A Exposición do Santísimo Sacramento no Altar Maior, permanente dende fai séculos, atribúese a un privilexio particular. Por este «privilexio eucarístico lucense» a nosa cidade de Lugo, e con ela toda a Diocese, son chamadas «Cidade» e «Diocese do Sacramento».
Como consecuencia desta grande tradición e da súa importancia, non só para Lugo, senón tamén para o resto de Galicia, xurdirá a Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento.

 

Ofrenda de Galicia ao Santísimo

Dende o ano 1669, na Catedral de Lugo, o domingo seguinte a Solemnidade de Corpus, ten lugar a tradicional Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento. Maniféstase nela a vinculación histórica entre Galicia e o Santísimo Sacramento, e que a fe eucarística é rasgo fundamental da vivencia do cristianismo na nosa terra. Esta vinculación e este feito configuraron a identidade do pobo galego, como mostra o escudo do Antigo Reino e aínda hoxe o da nosa comunidade autónoma, que contén unha alusión directa á tradición eucarística propia da Catedral de Lugo.

 

Domingo da Ofrenda

O feito de que a Ofrenda, dende a súa orixe, teña lugar o domingo fálanos da centralidade de Cristo resucitado. O domingo é o día do Señor, o día da Eucaristía, o día en que se reúne a Igrexa para celebrar a súa fe.
O domingo da Ofrenda, xunto con as sete cidades do Antigo Reino, símbolo de todo o pobo de Galicia acercámonos a presentar a nosa ofrenda a Xesús Sacramentado, para pedir que siga sendo unha realidade viva e significativa, e procurando deste xeito non esquecer a nosa historia, a nosa identidade, a nosa cultura propia.
Achegarse neste día á Catedral de Lugo a recoñecer a presenza do Señor, non é soamente unha profesión de fe cristiá, tamén é un símbolo da nosa identidade como pobo, da nosa historia e da nosa esperanza dun futuro común construido sobre a reconciliación, a caridade e a unidade.

 

Xornada de Adoración

O domingo da Ofrenda do Antigo Reino de Galicia é unha xornada de adoración ao Santísimo Sacramento exposto día e noite na Catedral de Lugo. Esta xornada comenza co canto das Vésperas Solemnes o sábado pola tarde, e remata co rezo das II Vésperas e co último día da novena ao Santísimo na tarde do domingo.
A ofrenda do Antigo Reino é un día senlleiro, que culmina na celebración da liturxia eucarística, que se prolonga coa procesión do Santísimo polas rúas da cidade de Lugo. Ao momento celebrativo no que ten lugar a Ofrenda, precédenlle a oración e a acollida dos participantes, peregrinos, autoridades e Bispos de Galicia.
O domingo da Ofrenda correspondese coa Oitava do Corpus Christi. É un día de exaltación da Eucaristía, onde o pobo de Deus recoñece a Xesucristo Sacramentado, adórao e ofrécelle a súa predisposición para manter o culto durante todo o ano. A presentación da Ofrenda é un símbolo desta realidade. É por este motivo polo que a liturxia deste día se toma da Solemnidade de Corpus.

Contactos
Dirección

Plaza de Santa María 1
27001 Lugo Lugo

Teléfono

982231143

Correo electrónico

Envía Correo

March