Início / Menu Diócesis / Noticias

«Somos a súa esperanza»


Durante a última semana deste mes de abril, a Fundación Pontificia Axuda á Igrexa Necesitada (ACN) está a desenvolver varios actos en Galicia.  Na nosa Diocese, tivo lugar na parroquia de Santiago "A Nova" da cidade de Lugo este pasado mércores 26 de abril. Ás 8 da tarde celebrouse a Eucaristía e, posteriormente, tivo lugar a conferencia “Cristiáns perseguidos hoxe”, a cargo de Carlos Tortosa Saavedra, responsable de “Axuda á Igrexa Necesitada” na Rexión Noroeste.  

Na parroquia de Santiago “A Nova” da cidade de Lugo o 26 de abril venerouse unha imaxe da Anunciación a María traído da cidade siria de Homs, onde foi profanada por xihadistas. E o responsable de “Axuda á Igrexa Necesitada (ACN)" na rexión noroeste, Carlos Tortosa Saavedra, pronunciou a conferencia Cristiáns perseguidos hoxe.

Nela, Tortosa lembrou que no mundo hai 62 países nos que os seus habitantes, 5.200 millóns, non poden vivir libremente a súa fe. “Non son só cousas puntuais como unha bomba, un atentado, un secuestro ou un asasinato, senón que tamén é unha situación permanente na que viven moitísimos cristiáns”, asegurou.

Boa parte da súa intervención dedicouna a mostrar os tres tipos de atacantes da liberdade relixiosa: gobernos autoritarios, como China; nacionalismos étnico-relixiosos (India) e extremismo islamista, como o de Siria e Iraq. Sobre os cristiáns destes lugares o responsable da ACN dixo que “son a nosa esperanza xa que teñen un tipo de fe incrible e nós somos a súa esperanza, para axudalos a sobrevivir e a vivir a súa fe”.