Início / Menu Diócesis / Noticias

XIV Asemblea Xeral da HOAC


A militancia da Irmandade Obreira de Acción Católica (IOAC-HOAC) da nosa diocese participará na celebración da XIV Asemblea Xeral que terá lugar do 12 ao 15 de agosto en Segovia.

A asemblea xeral convocada co lema “Tendendo pontes, derrubando muros. Igrexa no mundo obreiro tecendo vínculos de fraternidade” é a fase final dun proceso de traballo de máis dun curso.

Este é un acontecemento especialmente relevante para a vida deste movemento especializado da Acción Católica Española, e constitúe unha oportunidade única de encontro e convivencia para as máis de 700 persoas que compoñen este movemento eclesial da HOAC presente en 41 dioceses de España.

A Asemblea, ademais, é un ámbito privilexiado para o diálogo e a toma de decisións sobre os desafíos, prioridades e propostas para o próximos seis anos. Todo isto, a partir dunha mirada crente da realidade, da experiencia do compromiso da militancia e dos retos que como Igrexa ten, nun mundo con enormes fracturas sociais, desigualdades e inxustizas que afectan singularmente ao mundo obreiro e do traballo, onde segue a ser esencial ser testemuñas e impulsores do proxecto de humanización que propón Xesucristo.

Está prevista a asistencia de varios bispos e responsables de movementos eclesiais a nivel nacional e internacional, e o cardeal Juan José Omella, presidente da Conferencia Episcopal Española, enviará un videomensaxe aos participantes da Asemblea. Neste mesmo formato multimedia teñen previsto saudar os principais dirixentes sindicais do país.

Queremos compartir os contidos desa experiencia comunitaria, buscando construír pontes, favorecendo o encontro e enriquecendo ás persoas. Por iso durante a asemblea realizarase unha cobertura informativa diaria en www.noticiasobreras.es, medio de comunicación editado pola HOAC, e visibilizaranse e compartiranse contidos nas principais redes sociais coa etiqueta #Enla14.